Patrimonio cultural de Vigo

Maio 7, 2008

Petróglifo Os Pintos (Oia)

Gardado en: Petróglifos — Xosé Couñago @ 10:30 pm

Imaxes: Angel de Prado (podedes ver máis fotos neste enlace)

Situación: está na parroquia de Oia, no lugar da Ermida, á beira da avenida Ricardo Mella. Mentres que outros petróglifos son difíciles de atopar nas zonas interiores do concello, este é moi fácil, xa que se encontra mesmo á beira da estrada. Cantas veces teremos pasado polo seu carón nos nosos desprazamentos entre Vigo e Nigrán!

Descrición: trátase dunha laxe de 8m x 3m. Nela podemos observar catro rebaixes naviculares. Teñen forma rectangular, con rebaixe central que lles dá o nome de “naviculares”. A ambos os lados da sección lonxitudinal de cada un dos catro rectángulos hai outros dous pequenos rebaixes, excepto nun deles. Este trazo é común á maioría destes petróglifos naviculares existentes en Galicia.

Chama a atención esta agrupación, todos en paralelo, que seguramente puido ter algún tipo de significado para os seus creadores. Este tipo de disposición en paralelo tamén se pode ver noutro conxunto de petróglifos naviculares existente en Coruxo, o chamado petróglifo do Viveiro I.

Estes rebaixes, segundo as fontes, poderían ter sido empregados como muíños. Pero que tipo de muíños? De uso doméstico ou ritual? O máis certo é que descoñecemos case todo do comportamento antropolóxico destes devanceiros nosos que gravaron na pedra a súa escritura simbólica –no mesmo momento en que os exipcios tamén escribían os seus xeróglifos-, unha escritura que aínda non fomos capaces de traducir ou interpretar con certeza.

Estado de conservación: este petróglifo sobrevive como pode nunha pequena elevación rodeada de dúas estradas, varias vivendas, un cerrado de bloques, eucaliptos ao seu carón, nunha pedra xa partida por canteiros e as obras da estrada. Quen sabe o que terá desaparecido ao seu arredor!

Aparece catalogado, e supoñemos que protexido, nunha ficha do novo Plan Xeral de Vigo.

Non ten sinalización nin información de ningún tipo. Sacada a devandita catalogación, está no máis completo dos abandonos. Nalgúns casos isto pode actuar como elemento conservador (sobre todo cando se trata de lugares pouco accesíbeis), mais neste caso máis ben pode ser á inversa, xa que a presión agresiva que ten ao seu arredor pode facelo desaparecer en calquera momento; por iso fai especialmente falla unha posta en valor deste petróglifo, con indicadores, paneis explicativos, debuxos, fotos, etc.

Máis información:

Ficha do catálogo do PXOM de Vigo (Tomo VI, fichas do catálogo)

Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit, e despois > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).

Maio 4, 2008

Petróglifo Presa das Rodas (Coruxo)

Gardado en: Petróglifos — Xosé Couñago @ 4:00 pm

Imaxes: Angel de Prado (podedes ver máis fotos neste enlace)

Situación: está en Fragoselo, a 300 metros da capela de San Sebastián, pola pista que vai ao campo de fútbol. Á beira da pista hai un cartel indicador de madeira. A partir de media tarde, as árbores dificultan coa súa sombra a apreciación das representacións gravadas. Están nun afloramento rochoso inclinado cara ao nacente, cunha elevación de apenas 30 cm.

Descrición: a rocha mide 8m x 7m e presenta combinacións de círculos, coviñas e sucos en tres seccións diferentes:

Na zona norte da rocha (á nosa dereita de fronte a ela) hai unha serie de círculos (simples, dous círculos concéntricos, círculos incompletos) unidos entre si por sucos orientados en distintas direccións. Completando os espazos entre estas figuras hai numerosas coviñas agrupadas entre si.

Zona central: hai tres cazoletas dispersas aliñadas entre elas. Sobre as dúas da esquerda hai catro círculos concéntricos con suco de saída. No extremo do suco hai un círculo simple máis pequeno con coviña central.

Zona sur: no extremo da rocha hai tres cazoletas xuntas.

Estado de conservación: ao estar ben indicado, e ao lado da pista, faise susceptíbel de maiores agresións por parte das persoas que se acheguen a el sen coñecementos do que non se debe facer ante un gravado rupestre.

É urxente que se dispoña unha boa información á súa beira (paneis, fotografías, debuxos esquemáticos) que eviten que a xente sinta a necesidade de rascar con obxectos que os deterioren irremediabelmente. Xa existen exemplos desta boa información, como se fixo nos petróglifos do Carballoso, nesta mesma ruta de Coruxo.

Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).

Maio 2, 2008

Igrexa de Sta. Mariña (Cabral)

Gardado en: Igrexas — Xosé Couñago @ 11:17 pm

Situación: a situación da igrexa, dominando o amplo val que se abre sobre o concello ata o mar dende o delongado e aberto adro que a arrodea, xunto coas dimensións en altura da construción, fan salientar este edificio nada máis achegarnos a el.

Descrición: descoñecemos a data de construción, aínda que se adscribe no estilo neoclásico polas características ornamentais. Chama a atención a primeira vista a altura da nave, máis alta aínda na cabeceira, con respecto ao ancho da igrexa. Curiosamente a cabeceira é máis alta, pero máis estreita ca o resto do edificio, o que acentúa esa sensación de altura e de monumentalidade do edificio.

Sacado as dimensións referidas, o que vai centrar a nosa mirada é a fachada principal, xa que o resto dos muros non presenta apenas elementos que salientar.

Fachada principal: organízase sobre varios elementos ornamentais distribuídos harmonicamente na súa correlación. Liñas verticais, marcadas polas pilastras dos cantos laterais, da porta, do fornelo e da guarnición da xanela central; esta linearidade vertical vese acentuada pola concentración central dos elementos máis salientábeis (porta, fornelo, xanela e campanario). Liñas horizontais, marcadas polos linteis da porta, da cornixa superior –que divide a fachada en dous corpos- e a cornixa inferior da espadana. Conxuntando estes dous elementos distribuidores, están os frontóns triangulares sobre o fornelo, o frontón do corpo superior da fachada e o frontón de remate da espadana. Tres frontóns alternantes entre eles, sobre unha mesma vertical central.

Porta: rodenado a porta vai un xogo lineal de molduras con remate superior en cóbado nas dúas esquinas. Este conxunto está enmarcado por pilastras sobre as que se labran cadanseu fuste que se unen un ao outro por un soporte corrido superior, mantendo unha continuidade decorativa, que serve de base para o fornelo da Virxe.

Fornelo: as pilastras que enmarcan estes fornelo son semellantes ás da porta, estabelecendo deste xeito unha continuidade decorativa. A media altura do fornelo podemos observar outro elemento ornamental consistente nunha pequena cornixa que divide este pequeno frontispicio en dous corpos, a semellanza –en miniatura- do propio frontispicio da igrexa. Este fornelo remata cun frontón triangular de molduras, en consonancia coas molduras das cornixas que se estenden polo resto do edificio.

Xanela: marca o comezo vertical do corpo superior da fachada. Está enmarcada por unhas sinxelas pero fermosas molduras que a fan sobresaír da fachada; á súa vez esta xanela está tamén enmarcada pola propia cornixa horizontal do frontispicio, orixinando unha curiosa interrupción da liña horizontal bordeando a xanela.

Corpo superior da fachada: a súa forma de frontón está rodeada por unha cornixa que se interrompe na súa parte central, por un lado para rodear a xanela que contén, por outro para servir de base á espadana que se ergue no centro. Esta cornixa mantén o xogo decorativo de molduras que se desenvolve por todo o edificio.

Espadana: presenta dobre arco con cadansúa campá. A espadana está coroada por un frontón, acentuando a verticalidade triangular da fachada. Sobranceando a espadana e as pilastras laterais da fachada hai catro pináculos piramidais rematados en cadansúa bóla.

Tendes no seguinte enlace unha relación máis completa de fotos.

Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)

.

Maio 1, 2008

Mámoa I do Ferradouro (Candeán)

Gardado en: Mámoas — Xosé Couñago @ 6:01 pm

Situación: este túmulo forma parte do conxunto de dúas mámoas chamadas do Ferradouro I e Ferradouro II, incluídas na Ruta das mámoas de Candeán. Distantes uns cincuenta metros unha da outra, atópanse a ambos os lados do camiño por onde discorre a ruta, entre o cemiterio de Candeán, onde están as mámoas da chan dos Touciños, e as mámoas de Costa Freiría, preto do parque do Vixiador. Ao seu carón eríxese un pequeno cartel descritivo.

Descrición: é dun tamaño inferior á súa parella ferradouro II. Mide 10m x 10,5m. A altura apenas sobrepasa os 0,50cm. Túmulo: está bastante arrasado e de difícil recoñecemento. Só a observación atenta das pequenas elevacións que presentan as mámoas, xunto coa presenza do cono de violación, con ou sen ortostatos, nos permiten identificar estas primeiras construcións do ser humano no noso concello. Cámara: conserva dous ortostatos, separados entre si. As demais pedras desaparaceron. Sobre a mámoa aínda se poden recoñecer pequenas pedras que seguramente formaron parte da coiraza que reforza o túmulo.

Estado de conservación: pésimo; a pesar do letreiro que ten ao seu carón, non se realizan traballos de conservación e limpeza que a fagan cando menos algon maís recoñecíbel. por outra parte, a construción dun camiño mesmo pola súa beira deteriorou o túmulo no lugar afectado.

Valoración final: a agresión do ser humano ao longo dos milenios contra estas construcións neolíticas fai que ás veces sexa un milagre a súa supervivencia ata os nosos días; principalmente a partir da explotación intensiva dos recursos forestais dos montes, coa incorporación de maquinaria pesada e labores de repoboamento e acondicionamento que arrasaron incontables elementos tan singulares do noso patrimonio. Esta mámoa é un bo exemplo desta continua agresión, que a deixou reducida a unha mínima expresión aínda recoñecíbel do que foi na súa orixe.

Máis información na web:

Tendes no seguinte enlace unha relación máis completa de fotos.

Se queredes podedes coñecer a Rutas das mámoas de Candeán e mesmo descargala para o voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)

Abril 29, 2008

Petróglifos da Chan Grande (Oia)

Gardado en: Petróglifos — Xosé Couñago @ 9:40 pm

Imaxes: Angel de Prado: http://www.panoramio.com/user/625306

Situación: está no lugar chamado Tomada do Maúxo Pequeno, no Fragoselo, xa na parroquia de Oia. Chégase a ela por camiños forestais, ben dende a ermida de San Sebastián de Coruxo, ou ben dende a estrada de Camposancos, subindo polo Camiño de Esteriz.

Descrición: a roca mide 4,00m x 3,70m. Presenta diversos motivos:

Círculos: son os motivos máis abundantes: destacan tres figuras con círculos concéntricos de 3, 4 e 5 aneis con coviña central. A de cinco círculos concéntricos, a máis grande das tres, mide 58 cm de diámetro. Repartidas por toda a pedra hai moitas máis figuras circulares pequenas de 1 ou 2 aneis, en moitos casos con coviña central. en total poden percibirse máis de vinte combinacións circulares.

Sucos: asociados aos círculos hai unha serie de sucos, case sempre coa mesma orientación lineal NO-SL. Teñen nalgúns casos un dos seus extremos no centro dalgunhas figuras circulares concéntricas –motivo bastante común nos gravados galegos. Tamén se pode apreciar a fasquía serpentiforme dalgúns destes sucos, co seu discorrer perfectamente paralelo e ondulante.

http://www.panoramio.com/photo/4939007

Coviñas: hai numerosas coviñas ciscadas por toda a pedra. Algunhas delas forman parte da zona central dos círculos, e o resto están repartidas por todo o resto da roca.

Observacións: as figuras circulares principais están no centro da pedra, e ao seu arredor distribúense as figuras circulares máis pequenas, ocupando case todo o resto do espazo menos a zona por onde discorren os sucos máis destacados e longos.

Tendes no seguinte enlace unha relación máis completa de fotos.

Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).

foto1: http://www.panoramio.com/photo/4938977
Foto2: http://www.panoramio.com/photo/4939007

Artigos Antigos »

Bloguea en WordPress.com.