Patrimonio cultural de Vigo

Marzo 30, 2008

Mámoa 1 do Vixiador (Candeán)

Gardado en: Mámoas — Xosé Couñago @ 10:59 pm

Esta mámoa está situada no medio do parque do Vixiador, a carón do miradoiro de terra construído entre as árbores.

Na actualidade está en proceso de escavación e estudo, e isto dános conta das verdadeiras dimensións destas construcións unha vez abertas. Das cerca de corenta mámoas que hai no concello, por agora só dúas foron obxecto de escavacións: esta do Vixiador e a de Costa Freiría 1. Neste cometido hai que salientar a gran sensibilidade que está mostrando a comunidade de montes de Candeán, exemplo que invitamos a seguir noutras comunidades e que celebramos que tamén se estea a facer en comunidades de montes veciñas.

É unha mágoa, en cambio, que a única mámoa situada nun terreo municipal, a “Casa dos Mouros” tamén en Candeán, a máis completa e espectacular en número e disposición dos ortostatos das conservadas, presente tal estado de abandono, sen intervención arqueolóxica ningunha. Temos unha administración local que, a pesar de xa teren pasado todas as cores políticas polo goberno, só acometeu unha intervención arqueolóxica no xacemento romano de Mirambell que leva desde comezos de século en intermitentes intervencións que non acadan resultados definitivos de posta en valor cultural para a cidadanía, e aí continuará quen sabe por cantos anos enterrada en plásticos, agardando aínda non se sabe ben qué (despois do exemplo de Dombate, xa nada parece estraño neste país).

Os outros tres xacementos arqueolóxicos en terreos municipais agardan no limbo dos xustos: a devandita mámoa neolítica da Madroa “Casa dos Mouros”, na que se fixo unha limpeza de terreo para incluíla na ruta das mámoas de Candeán; o conxunto rupestre “Pedra da Laxe” en Sárdoma, polo que hai que felicitar ao concello pola permuta urbanística que permitiu que non se construíse nesta parcela, pero que aí quedou; e o poboado galaico do Monte do Castro, do que case ninguén se acorda nesta cidade, e que dentro de pouco vai parecer un elemento decorativo en pedra no xardín de herba que hai ao seu arredor.

Volvendo á mámoa do Vixiador, podemos admirar o seu enorme túmulo duns 30 m de diámetro no seu eixo maior e que acada uns 2 m de altura. O estado actual das escavacións permite decatarse da dimensión do traballo levado a cabo polos habitantes do neolítico para elaborar estes megálitos sen instrumentos metais. Un traballo comunal que nos dá idea da dimensión das súas crenzas máis alá da vida. Das súas propias vivendas non quedou rastro, o que quere dicir que non eran asentamentos e construcións moi sólidas, inda que vivisen preto das necrópoles de mámoas; e porén, para os seus mortos facían moradías eternas (ata chegarmos nós) e cun traballo colosal para a tecnoloxía da súa época.

A escavación actual revela a dimensión do tamaño dos ortostatos, así como a dimensión da propia cámara funeraria, tanto en altura como en espazo interior. Unha foto anterior ao actual estado das escavacións permítenos valorar as características deste traballo.

As catas laterais permiten tamén decatarse da técnica de construción da propia mámoa que soterra os ortostatos: distintas capas de terra e pedra que facilitan a permanencia e solidez do túmulo.

Os plásticos son necesarios neste momento para preservar calquera tipo de pinturas ou gravados que poida haber nas caras das lousas, tal como se descubriu en Dombate. Fóra do túmulo hai outros ortostatos tamén envolveitos en plásticos. O descoñecemento das persoas que se achegan a visitar este xacemento á intemperie e sen indicacións ou advertencias de ningún tipo leva a que xa quitasen o plástico dalgunha das lousas (para ver o que hai dentro?).

Estado de conservación: está claro que nun xacemento aberto, tan á intemperie coma este, situado nun lugar que co bo tempo é frecuentado por centos de persoas diarias, como non se faga algo con rapidez, non sabemos que vai ser del ou que utilidade lle vai acabar dando a curiosidade da xente; unhas persoas por descoñecemento e outras por comportamento desaprensivo. É necesaria unha inmediata intervención con delimitación do lugar e información abundante in situ para que a xente saiba como comportarse ante un monumento destas características e no actual estado de escavacións.

Aínda que na Ruta das mámoas de Candeán esta necrópole aparece como a última visita marcada, nós estendemos o final ata a mámoa 2 do Vixiador, situada moi preto desta, pero que non aparece no roteiro oficial por estar xa no dentro de territorio redondelán (curiosamente unha das teorías que lemos unha vez sobre a disposición das mámoas dicía que podían establecer marcacións territoriais, quen sabe!).

Podedes ver neste enlace unha relación de fotos máis completa deste monumento megalítico.

Se queredes podedes coñecer a Rutas das mámoas de Candeán e mesmo descargala para o voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)

Marzo 28, 2008

Peto de ánimas do Perpetuo Socorro (Bouzas)

Gardado en: Petos de ánimas — Xosé Couñago @ 3:44 pm

Está situado en Bouzas, na rúa Ánimas, case enfronte do estaleiro Barreras.

Forma parte da parede dun edificio e está a escasos metros doutro peto de ánimas chamado da Virxe do Carme, tamén na mesma parede.

Rúas que leven a denominación das Ánimas en Vigo hai outras dúas, correspondentes con cadanseu peto: rúa Ánimas-Caeiro en Cabral e Subida ás Ánimas en Sampaio de Lavadores.

Este peto da Virxe do Socorro é de pequeno tamaño e está formado por un fornelo con arco de medio punto.

Ao seu redor leva un reborde de cor vermella cun remate en cruz da mesma cor na parte superior, semellante á fasquía do peto do Carballal de Cabral. Na parte inferior ten un pequeno burato para depositar esmolas.

Presenta tamén un portelo con enreixado cruzado, sen cristal.

No interior hai un retablo policromado rematado en arco de

medio punto superior, no que se representa a Virxe do Perpetuo Socorro co neno Xesús no colo acompañada de dous anxos.

Na parte inferior do retablo hai unha inscrición: “NUESTRA SRA. DEL PERPETUO SOCORRO”.

Como prinxipal elemento agresivo está o contador eléctrico que alguén nalgún momento tivo a brillante idea de chantarlle, tamén encastrado na parde, ao seu lado. Cando e quen puido consentir unha agresión así é algo inexplicábel a estas alturas, ou non?

Se queredes descargar a Ruta dos petos de ánimas de Vigo no voso navegador GPS, premede no enlace.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)


Marzo 25, 2008

Mámoa 2 do Vixiador

Gardado en: Mámoas — Xosé Couñago @ 7:22 pm

Esta é unha mámoa que está situada á beira do camiño asfaltado que comunica o parque forestal do Vixiador co monte Mirallo, tamén coñecido como monte Penide, na parroquia de Cabeiro en Redondela. É a vía directa dende o Vixiador para dirixirnos a visitar a Mámoa do Rei e o conxunto tumular que a arrodea.

Realmente, cando paseamos por estes lugares, estamos visitando o maior “parque arqueolóxico” de Galiza. O conxunto formado polos montes de Candeán e Cabral en Vigo e os montes das parroquias de Cabeiro, Trasmañó, Negros e Cedeira en Redondela comprenden máis de noventa mámoas, ao redor dunha vintena de estacións de gravados rupestres e catro castros. Un percorrido por máis de cinco mil anos de historia, todo no mesmo lugar xeográfico, comprendendo os tres principais períodos: neolítico, idade de bronce e idade de ferro. O proxecto do parque arqueolóxico xa está creado e é grandioso e ambicioso. Só falta que as administracións se curen da miopía na que viven. Esta é unha tarefa á que invitamos a participar a todas aquelas persoas que se apunten para crearmos entre todos un blog específico que dea a coñecer as marabillas e riqueza patrimonial deste conxunto arqueolóxico. Un blog colectivo elaborado entre todas aquelas persoas que temos inquedanza polo noso patrimonio e queiramos unir esforzos. Unha descrición máis detallada de proposta de parque arqueolóxico para estes montes podedes lela no blog do arqueólogo Hidalgo Cuñarro.

A mámoa que nos ocupa nesta ocasión pasa desapercibida para quen non a coñeza, e son moitas as persoas que pasan decote ao seu lado. Ten uns once metros de diámetro e aproximadamente un metro e medio de altura. Está rodeada de maleza e en mal estado de conservación. O principal perigo desta mámoa e de tantas outras é o traballo forestal que se realiza ao seu arredor. Tractores desbrozadores que soben e baixan por elas debido á falta de protección e indicación, talas ou plantacións de árbores nos propios túmulos, todo tipo de vehículos pesados que realizan labores forestais pasando por riba das mámoas… e continúan aí despois de seis mil anos.

A pesar da maleza e árbores que a ocupan, pódese observar o cono central con varios chantos que aínda se conservan.

Aínda que esta mámoa xa non está dentro do concello de Vigo, senón de Redondela, a súa proximidade á Mámoa 1 do Vixiador e ao propio parque recomenda a súa inclusión neste percorrido neolítico polos montes de Candeán.

Podedes vela tamén na Ruta das mámoas de Candeán e descargala ao voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)

Marzo 23, 2008

Petróglifo da Pedra Moura (Coruxo)

Gardado en: Petróglifos — Xosé Couñago @ 6:48 pm

O petróglifo de Fragoselo tamén chamado “Pedra Moura” está situado nos montes de Coruxo, nun lugar que forma parte da maior concentración de gravados rupestres do concello de Vigo.

Chégase a esta laxe doadamente dende a ermida de San Sebastián. Hai dous paneis indicadores á entrada do camiño que nos conduce ata a “Pedra Moura”. Alí atoparemos un cerrado que, na súa parte superior, vese claramente que está construído sobre a rocha dos gravados.

Esta rocha mide 10,5m x 4,5m, e presenta unha lixeira caída cara ao sur. Trátase do maior conxunto de gravados rupestres sobre unha rocha que hai en todo Vigo, e fai dela, ao mesmo tempo, o máis importante dos testemuños do bronce que chagou ata nós no noso concello.

Figuras: toda a rocha está ateigada de gravados nos que se aprecian unha gran cantidade de combinacións circulares, cazoletas, coviñas e mesmo o que se interpreta como oito pares de pegadas de zoomorfo. É importante ir a unha hora do día -mediodía- en que o sol permita ver sensibelmente ben as figuras, xa que as árbores axiña proxectan a súa sombra, impedindo a adecuada observación.

A figura que máis destacada e que mellor se observa nesta estación de arte rupestre é a gran representación de círculos concéntricos que mide 124 cm. de diámetro, con seis círcos concéntricos e unha gran cruz inscrita no centro.

Tamén é de salientar o suco que percorre a rocha polo centro en sentido lonxitudinal, que actúa como canle distribuidora das figuras a ambos os lados.

Lendas: outro aspecto importante deste lugar arqueolóxico é a existencia de lendas ao redor da pedra gravada. Entre as variantes que se poden escoitar, o denominador común é a presenza de tesouros, mouras e serpes común a moitos outros lugares arqueolóxicos de todo Galiza. De feito, que se lle chame “Pedra Moura” xa nos dá referencia da característica etnográfica deste lugar. Esta lenda podedes lela no libro Arte rupestre nos montes do Maúxo, publicado polo museo de Castrelos.

Logo do enorme traballo de recollida arqueolóxica feito no noso territorio, agora queda por facer unha exhaustiva recollida do patrimonio inmaterial: o mundo das lendas, do animismo, dos seres máxicos galaicos.

Estado de conservación: a pesar da intervención levada a cabo para a sinalización e do cerrado, máis ou menos acertado, realizado ao se redor, a verdade é que o deterioro desta rocha é palpable; tanto que apenas se notan a metade dos gravados que aparecen representados en diversos debuxos. Cómpre acometer unha intervención que impida o paulatino e acelerado proceso de desaparición dos gravados, tanto desta rocha coma das demais existentes.

Tamén se botan de menos uns paneis in situ con debuxos explicativos das distintas figuracións, para impedir que as persoas visitantes remarquen desaprensivamente os gravados con pedras, xices ou anacos de tella. Sinalizar excesivamente un lugar arqueolóxico para despois deixalo abandonado á súa sorte é imprudente e irresponsábel.

Máis información na web podedes atopala nas páxinas de J.M. Hidalgo Cuñarro, Rafael Ojea e no catálogo do PXOM aprobado en 2007.

Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)


Máis videos de Angel de Prado: http://es.youtube.com/user/anxodp

Marzo 22, 2008

Ponte medieval de Balaídos

Gardado en: Románico — Xosé Couñago @ 7:16 pm

A ponte medieval de Balaídos está situada no medio de edificios levantados ao redor do río Lagares, produto do urbanismo intensivo e extensivo que asolou a nos cidade durante os últimos decenios.

A Ponte estivo a piques de desaparecer nos anos setenta debido a este urbanismo desaprensivo coa identidade do noso concello. Hoxe en día podemos decatarnos do desvío do curso do río, a súa canalización artificial, deixando a ponte descontextualizada do seu lugar orixinal.

Malia todo, conservámola na súa integridade, rodeada por un enreixado que nada di dela máis ca o encerramento que a significa. A intervención foi realizada en 1990, e en 1991 foi declarada Ben de Interese Cultural. Mais non hai tan sequera paneis explicativos de posta en valor desta marabillosa ponte alombada de arco de medio punto.

Mide 21,5 metros de longo e conta cun arco de 5,5 metros de van. Conserva a calzada e dous piares cónicos a ambos os lados na entrada.

A fermosura da súa fasquía vese aumentada polos tallamares que presenta: dous a cada lado. Chama a atención precisamente que leve dous tallamares na zona da ponte que non dá contra a corrente.

Tamén podemos observar uns ocos cuadrangulares aos lados do arco que serven de descarga, segundo se le nos datos que figuran sobre esta ponte, mais que fan pensar que tamén puideron servir de evacuación de auga nas crecidas para evitar que a ponte actuase como encoro co exceso de auga no río. Nalgún momento estes ocos chegaron a estar habitados por alguén que literalmente vivía “debaixo dunha ponte”.

O cumio do arco apenas ten medio metro de ancho e sorprende pensar no peso que soportou durante centos de anos cos incontábeis carros que pasaron cargados sobre ela.

En definitiva, esta ponte necesita unha atenta intervención na que se destaque o seu valor arquitectónico, histórico e humano, ademais dunha exhaustiva limpeza e sinalización.

Para saber máis, consultade este especializado artigo do arqueólogo José Manuel Hidalgo Cuñarro.

Podedes ver aquí unha maior relación detallada de fotos.

Tamén podedes ver a Ruta románica de Vigo e descargala no teu navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)

Artigos Antigos »

Bloguea en WordPress.com.